A ADC Sagrado Corazón prepárase de cara á nova tempada, a 2015-2016, e esta preséntase apaixonante, con novos retos e ilusións e cun cambio de rumbo por parte da entidade que fomentará e impulsará o traballo de canteira, mellorando e potenciando o traballo da súa Escola.
Para iso a entidade apostará por profesionalizar toda a súa estrutura deportiva e así incorporará a un Coordinador para a Escola, posto que recalará na persoa de Pablo Iglesias, ex-técnico do Viveiro CF.
Así mesmo ao staff técnico da Escola tamén se incorporará o técnico lucense Dani Díaz asumindo a dirección de varios equipos, a preparación física de toda a Escola, o adestramento específico de porteiros de fútbol-8 así como o traballo de prevención, readaptación e recuperación dos xogadores lesionados do club.
Ademais destas dúas novas incorporacións seguirán formando parte como técnicos da Escola: Borja Figueras «Pipita», Diego Anido, Jonathan Rodríguez «Jony», Santiago Fernández «Santi», Andrés Arias «Rochela» e José Flores “Flores”.
Por outro lado a Xunta Directiva da entidade tomou a decisión de non inscribir ao equipo de Afeccionados na categoría de rexional esta próxima tempada, decisión moi consensuada e que se toma de forma temporal en beneficio de poder potenciar o traballo de canteira e así ampliar o traballo de formación en todos os seus equipos de base de cara á mellora do seu proxecto social, deportivo e cultural enfocado ao futuro do club. Todo iso enmárcase dentro dun plan estratéxico que o club se marca de cara ao futuro así como dunha profunda remodelación de toda a área deportiva que xa se está a levar a cabo.
Así mesmo a Xunta Directiva do club sufrirá modificacións nos seus diferentes cargos os cales se comunicarán en próximas datas.