Presentado o VI Torneo Internacional Semana Santa

Esta mañá foi presentado oficialmente o VI Torneo Internacional Semana Santa Lugo 2026 “Trofeo Lugo Express” que organiza o noso club. Un torneo que este ano dá un salto moi importante a todos os niveis, tanto deportivo como organizativo, e que contará os próximos luns 30 e martes 31 de marzo coa participación de 48 equipos de 35 clubs diferentes para as categorías benjamín e alevín.

A presentación contou coa participación de todas as institucións lucenses e que ademais este ano mostraron un gran apoio ao evento debido á importante repercusión que terá, valorando así o esforzo que desde o club se realiza para continuar organizando este torneo que xa se converteu nun dos importantes da comunidade galega nesta época do ano.

Para presentar o evento contamos coa presenza do Concelleiro de Deportes e Xuventude do Concello de Lugo, Jorge Bustos, o Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, o Xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero, o Vicepresidente da Deputación de Lugo e Responsable da Área de Deportes, Efrén Castro, o Delegado en Lugo da RFGF, Manolo Vilachá, así como do Presidente do noso club, Jacobo Gómez, e o Director do Torneo e Coordinador Deportivo do club, Álex Rois.

 

Récord de participación
Nesta sexta edición do torneo baterase o récord de participación xa que son un total de 48 equipos os participantes con preto de 700 xogadores e xogadoras. Ademais, neste 2026 acádase a etiqueta de que o torneo sexa internacional coa participación de equipos do país veciño Portugal. Entre os dous días de torneo, disputaranse un total de 134 partidos en 15 horas do mellor fútbol ata coñecer aos dous equipos campións.

 

Agradecemento
Desde o club queremos agradecer ás tres institucións a súa aposta por este evento e así conseguir que Lugo se converta nunha das capitais do fútbol base, xa que ademais do plano deportivo este evento convértese nun incentivo de turismo para a cidade.

Este agradecemento facémolo extensible a todas as empresas que colaboran para o bo funcionamento do evento.  

 

Seguemento
Os resultados do torneo poderanse seguir en directo a través da web oficial do torneo: http://www.copafacil.com/lugo2026

 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest