Presentado o VII Torneo de fútbol base que organiza a ADC Sagrado Corazón

Esta mañá o salón de plenos do Excmo. Concello de Lugo acolleu a rolda de prensa de presentación do VII Torneo de Verán de fútbol base “Cidade de Lugo” que organiza o noso club e que se disputa na capital lucense este fin de semana (do venres 4 ao domingo 6 de setembro) nos campos municipais de As Gándaras, evento que reunirá a 27 equipos nas categorías masculinas de infantil, cadete e xuvenil, e na categoría infantil feminina. O mesmo reunirá a preto de 700 xogadores/as. Os equipos proceden de tres das catro provincias galegas: Lugo, A Coruña e Ourense.

O acto estivo presidido polo Concelleiro de Deportes e Infraestruturas Urbanas, José Manuel Díaz Grandío, quen estivo acompañado polo Xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Manuel Otero, e o Deputado Provincial de Deportes da Deputación de Lugo, José Manuel Yanes Ginzo. Mentres que por parte da ADC Sagrado Corazón asistiron ao acto o Presidente da entidade, Jesús Pereira, e o Director Deportivo da mesma, Pablo Iglesias.

 

No acto Díaz Grandío mostrou a súa satisfacción por presentar a sétima edición desta competición deportiva “comprometida co deporte de base, que co paso do tempo se consolidou como un dos eventos futbolísticos de base máis destacados dentro do panorama galego”, ao tempo que destacou “a gran oportunidade que supón este evento para que os máis cativos practiquen deporte”. O edil tamén agradeceu o “esforzo que fai un ano máis o club Sagrado Corazón por levar adiante este torneo”. Tamén tiveron palabras de satisfacción tanto Manuel Otero como Manuel Yanes Ginzo pola celebración deste torneo brindando a súa colaboración para or desenrolo do mesmo.

Pola súa banda o Presidente da nosa entidade, Jesús Pereira, agradeceu o apoio de todas as institucións e empresas que fan posible este torneo e a súa colaboración co club. Ademais  resaltou que esta tempada é importante xa que neste 2015 a ADC Sagrado Corazón cumpre 50 anos de existencia e a nivel interno estanse a levar decisións importantes para potenciar o proxecto deportivo e de canteira e que o club siga cada ano medrando como institución. Pola súa banda Pablo Iglesias falou de como se desenrolará o Torneo.

 

Gran apoio
É de salientar o gran apoio que recibe o club por parte das institucións e por elo hai que darlle as grazas ao Concello de Lugo, Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia pola súa colaboración. Así mesmo dende o club queremos agradecer a colaboración de diferentes empresas que dunha maneira ou outra apoian este torneo como son o principal patrocinador da entidade, Cafetería Cervecería Pub Cook, así como ao Cafe Bar O Cruce, Carnicería Parrillada A Fonsagrada, Desabolladuras Díaz e Café Bar Etrusco.

 

 

INFORMACIÓN:
    – Cartel do Torneo.
    – Calendario do Torneo.



FOTOS: gabinete de prensa do Concello de Lugo