O DéporCampus de novo este ano en Lugo: do 22 ao 26 de xuño

Por segundo ano consecutivo o DéporCampus celebrarase en Lugo. Deste xeito unha actividade tan demandada como son os campus de verán específicos de fútbol regresa a Lugo da man da Fundación RC Deportivo e do RC Deportivo de La Coruña e elixiron de novo ao noso club, a ADC Sagrado Corazón, como coorganizador do evento.

Lugo convértese por tanto nunha das 16 sedes actuais deste prestixioso campus e as datas de celebración do mesmo serán do luns 22 ao venres 26 de xuño en horario de mañá e novamente nos Campos Municipais José María Rodríguez Lago situados en As Gándaras.

A actividade estará dirixida a nenos e nenas de 6 a 14 anos, en horario de 10:00 a 14:00 horas e as inscricións abriranse a partir da próxima semana. Os adestradores estarán desde as 09:30 horas na instalación para recibir aos participantes.

Que inclúe?

A inscrición por parte dos participantes ao campus daralles dereito a:

  • Seguro de accidentes deportivos.
  • Un equipamento deportivo (deseño RC Deportivo) composto de camiseta, pantalón e medias.
  • Xantar (auga e froita).
  • Diploma.
  • Sorteo de agasallos

 

Prezos e inscricións

A tarifa xeral e por tanto o prezo da actividade será de 145 €, con desconto de 20 € para os xogadores e xogadores do noso club, así como para outros casos que se poden consultar na páxina web onde se poderán realizar tamén as inscricións oficiais: https://deporcampus.rcdeportivo.es/es/lugo-2026

O prazo de inscrición pecharase o martes 16 de xuño ás 12.00 horas ou anteriormente no caso de que se alcancen o número máximo de prazas ofertadas.

Cabe destacar que na edición do pasado ano, na primeira que a Fundación RC Deportivo realizaba o seu campus en Lugo, contou coa participación de máis de 80 nenos e nenas.


Obxectivos

Este Campus, un dos que máis tradición ten na nosa comunidade galega, é o evento perfecto para a melloría dos xogadores nunha época onde ademais veñen de finalizar o seu curso escolar. Entre outros moitos obxectivos están os de:

  • Aprender e desenvolver a coordinación a través de xogos coordinativos.
  • Aprender as habilidades e conceptos na relación co corpo.
  • Aprender as habilidades e conceptos na relación co balón.
  • Traballar os fundamentos técnico-tácticos cunha metodoloxía analítica.
  • Competir e desfrutar mediante partidos en diferentes espazos.
  • Transmitir os valores que representa o Dépor: RESPECTO, SOLIDARIEDADE, AMIZADE, XOGO LIMPO, INTEGRACIÓN, ESFORZO E FELICIDADE.


Para acadar eses obxectivos, estes son os contextos de ensino utilizados durante o campus:

  • Circuítos coordinativos.
  • Xogos de relación con balón.
  • Habilidade con balón.
  • Desafíos técnicos.
  • Xogos de posición.
  • Partidos reducidos / minipartidos.
  • Xogo real. Competición / Liga interna.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest