Este 2025 será un ano bonito e recordado para a nosa entidade e é que cando o verán vaia chegando ao seu fin, a ADC Sagrado Corazón cumprirá os seus 60 primeiros anos de historia. É por iso que na presentación da tempada 24-25 celebrada onte domingo, ese número máxico xa foi deixándose entrever para a celebración do que será esa efeméride.
Os máis de 140 xogadores e xogadoras cos que conta o club nesta campaña repartidos entre os seus nove equipos foron os grandes protagonistas do día. Desfilaron ante a atenta mirada dos seus pais, nais e familiares nun evento que un ano máis foi conducido maxistralmente polo xornalista galego Terio Carrera, quen xa pasou a ser un máis desta familia corazonista.
Durante o desfile de equipos e presentación, celebrados novamente no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, e no medio dos aplausos, houbo moitas risas e alegría nas entrevistas realizadas a técnicos e xogadores, e é que a ilusión de todos eles nun día como este víase no seu rostro marcado por un gran sorriso.
Non se quixeron perder o acto a Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, o Concelleiro de Deportes e Xuventude, Jorge Bustos, e a portavoz do PP no Concello de Lugo, Elena Candia, quenes para pechar o acto ofreceron unhas palabras a todos os presentes, valorando o traballo que ano tras ano se fai dende o club para formar non só deportistas, senón tamén persoas. Tamén tomaron a palabra o coordinador deportivo do club, Álex Rois, e o Presidente, Jacobo Gómez, para agradecer un ano máis a confianza dos pais e nais que conforman o club e confiar neste para a formación dos seus nenos/as, entre outras moitas cuestións que se trasladaron.
O acto, que anteriormente comezara para todos os xogadores e técnicos coas fotos oficiais da tempada, finalizou coa gran foto de familia e posteriormente celebrouse a comida oficial desta campaña 24-25 que reuniu a máis de 160 asistentes para acabar así un gran día de festexos coa gran reunión da familia branquiazul.