Lazos de unión coa Asociación de Veteranos

En datas pasadas unha representación da actual Xunta Directiva da ADC Sagrado Corazón, encabezada polo seu Presidente, Jesús Pereira, mantivo unha reunión con tres membros da Asociación de Veteranos do Sagrado Corazón na que foi unha primeira toma de contacto para estreitar lazos de unión entre ambas as entidades. Así José Luis Villa, José Luis Corujo e Juan Carlos Rodríguez, en representación desta asociación, mostraron todo o seu interese por chegar a acordos entre ambas organizacións.

O actual mando directivo do club lucense desexa que con motivo do 50 aniversario, xa que a entidade está a cumprir os seus primeiros 50 anos de historia neste ano 2015, se recupere a esencia de todas as persoas importantes que fixeron grande a esta entidade e que a mesma estea presente na actualidade a través de diferentes actividades que se poidan levar a cabo durante a tempada.

É por iso que nesta reunión decidiuse que a ADC Sagrado Corazón vai colaborar coa Asociación de Veteranos na organización da reunión anual que a mesma leva a cabo. Nesta ocasión a “Comida 2015” levarase a cabo o vindeiro sábado 21 de novembro a partir das 14:00 horas no Restaurante La Palloza da capital lucense. Para este día ambas as entidades desexan contar coa presenza de todos aqueles ex-xogadores ou ex-directivos que formaron parte do club ao longo de todos estes anos. Os interesados en asistir a este acto poden poñerse en contacto a través do e-mail jlvilla1@hotmail.es