Un 60 aniversario moi celebrado

Esta tempada 2025-2026 é especial, moi especial para o noso club. E é que o próximo 4 de decembro a ADC Sagrado Corazón cumprirá 60 anos de historia desde a súa fundación en 1965 e é por iso que o pasado sábado coincidindo coa presentación desta campaña desde a entidade tamén se celebrou esta cita histórica.

O salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo volveu ser o lugar elixido para unha nova presentación o cal se encheu con todos os pais e familiares dos nenos que presenciaron en primeira persoa o desfile de todos os equipos, nunha cita que tampouco se quixeron perder o Concelleiro de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo, Jorge Bustos, e o Director Territorial de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Vázquez, quen xunto a patrocinadores do club e a Directiva da entidade gozaron do acto, no cal non faltaron moitas risas entre todas as entrevistas que se realizaban a xogadores e xogadoras por parte do xornalista Terio Carrera, que unha vez máis foi o gran mestre de cerimonias.

Tras o desfile de todos os equipos, falaron ante todos os asistentes o Coordinador do club, Álex Rois, o Presidente, Jacobo Gómez, así como Jesús Zapico en nome de Quescrem que é o patrocinador principal do club, e pecharon o acto Javier Vázquez e Jorge Bustos, antes de que chegase o momento final coa gran foto de familia.

Ademais, o evento contou con ilustres persoas que ao longo de todos os anos de historia dunha forma ou outra pertenceron ao club, e así varios exfutbolistas dos anos 60, 70 ou 80 non se perderon a cita, así como persoas que formaron parte das Directivas do club e ex-presidentes.

 

Unha cea-baile para conmemorar o 60º aniversario

Tras a presentación máis de 270 persoas entre nenos e adultos congregáronse no restaurante do propio recinto, a Taberna do Pazo, para cunha cea-baile celebrar este día que quedará para o recordo de todos e que se prolongou ata a madrugada.

Ademais durante a cea viviuse outro momento moi bonito como foi recuperar o que no futuro pode converterse como o himno do club e que no seu día, no ano 1997, Beatriz Vázquez Illán compuxo e que interpretou e cantou ela mesma ante todos os asistentes á cea.

>>> GALERÍA DE IMAXES DO EVENTO <<<


Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest