Sábado 15 de novembro: presentación e cea-baile para conmemorar o 60º aniversario do club

Hai datas que na vida hai que celebrar e nos clubs deportivos tamén. Nesta tempada 2025-2026, concretamente no próximo mes de decembro, a nosa entidade alcanzará os 60 anos de historia desde a súa fundación no ano 1965. É por iso que para conmemorar esta cita histórica o club celebrará unha cea-baile o vindeiro sábado 15 de novembro na que espera contar con xogadores, directivos, familiares e demais persoas que rodearon ao club na súa xa longa historia. Será a gran reunión da familia branquiazul e corazonista a través das diferentes xeracións.

Ese mesmo sábado 15 de novembro é a data elixida polo club para celebrar, desde as 19:00 horas e no salón de actos do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, a xa tradicional presentación oficial de todos os seus equipos, neste caso con motivo da tempada 2025-2026, e que estará presentada polo periodista Terio Carrera para así coñecer aos preto de 150 deportistas que este ano conforman o club.

Posteriormente, a partir das 21:00 horas e nese mesmo lugar, na Taberna do Pazo, celebrarase a xa mencionada cea-baile para todos os que desexen asistir. Haberá menú para nenos, con posterior acceso a xogos con monitores, pista polideportiva e inchables, e menú para adultos, con posterior baile con sesión de DJ. Para todos os asistentes haberá un gran sorteo de agasallos.


Onde retiro a miña entrada?

As entradas xa se poden adquirir na sede do club situada no Campo Municipal José María Rodríguez Lago no barrio de As Gándaras os luns, martes e mércores de cada semana de 16:30 a 19:30 horas.

Para máis información e adquisición das mesmas os interesados poden contactar a través do teléfono da entidade no 636 31 15 16


DATA LÍMITE ADQUISICIÓN DE ENTRADAS: MARTES 11 DE NOVEMBRO ÁS 19.30 HORAS

 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest